Monday 29 de April de 2024

González Formoso propón que Goberno, Xunta e Deputacións coordinen as súas medidas para a reactivación económica de Galicia tras o coronavirus


 

O presidente da Deputación enviou unha carta ao presidente da Xunta solicitando “coordinar todos os recursos das administracións neste ámbito para chegar ao máximo número de cidadáns e evitar solapamentos e duplicidades”

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, enviou hoxe unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, solicitando que a administración estatal e a autonómica, xunto coas catro deputacións galegas e a FEGAMP, creen unha grupo de traballo para “coordinar todos os plans, recursos e medidas das administracións no ámbito do emprego e o apoio a pemes e autónomos para que estas poidan chegar ao máximo número de cidadáns”.

“Unha vez que superemos esta crise sanitaria, vai ser fundamental para a recuperación económica de Galicia que coordinemos as accións de todas as administracións para remar xuntos na mesma dirección, evitar solapamentos e duplicidades e intentar optimizar a eficacia dos recursos públicos”, afirmou González Formoso, que destacou que “a Deputación da Coruña traballa xa nun plan de reactivación económica da provincia, pero consideramos que sería necesario facelo de forma conxunta e coordinada para cubrir todas as necesidades e non deixar a ninguén atrás”.

Na súa misiva, o presidente da Deputación da Coruña afirma que “o impacto económico da pandemia do Covid-19 levará consigo que todas as administracións fagamos un importante esforzo para reorientar os recursos públicos a favor da reactivación económica de Galicia e da protección aos sectores máis desfavorecidos da sociedade” e apela, unha vez máis, á necesidade de “traballar unidos na inmensa tarefa de reconstrucción social e económica e social noso país”.

Emprego e servizos sociais, prioridades absolutas

González Formoso subliñou tamén a importancia desta coordinación entre administracións nas distintas reunións telemáticas que mantivo nos últimos días co vicepresidente provincial, Xosé Regueira, os deputados provinciais responsables das diferentes áreas e cos xefes de servizo da Deputación, aos que trasladou que o goberno provincial traballa nunha reestruturación a fondo do orzamento de 2020, “na que emprego e servizos sociais serán as prioridades absolutas”.

“Hai partidas reservadas que ao mellor neste momento non teñen sentido e partidas que non van poder ser executadas”, afirmou o presidente, citando como exemplos os 120.000 euros que a Deputación destina á Mostra do Encaixe de Camariñas, que este ano non poderá realizarse por primeira vez en tres décadas, ou os fondos destinados á participación da Deputación en feiras de turismo de España e o estranxeiro, que veñen de ser canceladas pola área de Turismo.

“En cada área haberá partidas intocables, pero estamos facendo o traballo de ver que fondos non se van usar e podemos reasignar a prioridades sociais neste momento”, como novas liñas para apoiar a traballadores, pemes e autonómos”, explicou.

O Goberno provincial destaca tamén a importancia de coordinarse adecuadamente cos municipios da provincia no eido dos servizos sociais, que xogarán un papel fundamental na saída desta crise.

Neste sentido, a Deputación da Coruña dará luz verde definitiva nos vindeiros días ao Plan de Servizos Sociais Comunitarios, cun investimento de preto de 7 millóns de euros, que permitirán aos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes contratar a uns 280 profesionais da área social como administrativos, técnicos ou persoal de axuda a domicilio.